Como me podo dar de alta?
O acceso ao sistema de buscas é totalmente aberto e gratuíto, non precisa darse de alta.
Que navegador podo usar?
Pode utilizar calquera navegador que estea relativamente actualizado, tendo en conta que debe ter activada a aceptación de cookies e javascript para o correcto funcionamento do sistema.
Como debo citar o corpus?
Centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades: Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA) [4.1] - <http://corpus.cirp.gal/corga> [Data da consulta]
Cando estou esperando por un resultado o navegador amosa a seguinte mensaxe: "No se puede mostrar la página".
En primeiro lugar debe saber que o servidor da aplicación de consulta do corpus non é o que lle dá esa mensaxe. En ocasións as conexións a Internet fanse a través dun proxy. Estes proxies teñen, habitualmente, un tempo de caducidade das páxinas que acostuma ser inferior aos 10 minutos que temos na aplicación de consulta do corpus, polo que pode ocorrer que a páxina caduque antes de que se lle devolva o resultado e apareza ese problema. Polo tanto, neste caso debe poñerse en contacto co seu administrador de rede ou o seu provedor de servizos de Internet para que lle ofrezan unha solución.
Algunhas consultas tardan moito.
A inmensa maioría de consultas realizadas polos usuarios do sistema resólvense con rapidez, normalmente non van máis alá duns poucos segundos. Pero a potencia do sistema de consultas dispoñible actualmente fai que algúns tipos de consultas poidan chegar a tardar demasiado. Se isto ocorre, a nosa recomendación é intentar delimitar máis a consulta para obter menos resultados: acoutar a busca a un só tipo de medio ou tipo de texto, refinar a secuencia de texto de busca se se empregaron comodíns nela etc.
Por que a mesma busca por palabra ortográfica e por elemento gramatical devolve resultados dispares?
Se o número de ocorrencias que nos devolve o sistema nunha busca puntual por palabra ortográfica é menor ca se facemos esa mesma procura por elemento gramatical, comprobe se está habilitada a sensibilidade ás maiúsculas e minúsculas, posto que a palabra que busca pode aparecer a comezo de enunciado e escribirse en maiúscula, o que fai que nas consultas por palabra ortográfica sexa pertinente a diferenza, mentres que na procura por elemento gramatical a inicial maiúscula só pode aparecer nos distintos tipos de nomes propios.
Por que se fago unha busca con ! ou ? devolve resultados que non teñen que ver co que pido?
Probablemente non está tendo en conta que o signo de admiración de peche se emprega como operador booleano para impedir a aparición das palabras, formas, etiquetas ou lemas que precede, e que o signo de interrogación de peche substitúe calquera carácter que poida aparecer na posición na que se sitúa.
Para empregar ? e ! como signos de puntuación nas procuras por elementos gramaticais debe precedelos sen espazos entre eles a barra oblicua invertida ‘\’, acción que xa cobre o sistema cando se quere empregar algunha desas dúas etiquetas e se introducen a través do menú amigable dispoñible.
Por que aparecen casos de participios se a miña procura solicitaba só imperativos?
Cando se formaliza a consulta con etiquetas de xeito manual, ou sexa, sen ser a través do menú amigable dispoñible, se vostede decide non concretar a etiqueta completa e empregar metacaracteres, teña en conta que nalgúns casos coincide máis dun valor representado polo mesmo carácter, só que en diferente posición na cadea e, dado que o asterisco substitúe un, ningún ou varios caracteres, pode provocar que conflúan na formalización da procura varios valores. Así, se para procurar a categoría Verbo, tempo calquera e modo imperativo, formalizase a busca no campo da etiqueta co texto V*m*, estaría habilitando tanto a recuperación dos imperativos, como a recuperación dos participios masculinos, xa que estes tamén son Verbo e teñen un m na súa etiqueta, o correspondente ao xénero masculino: V0p0ms, V0p0mp.
Por que se fago unha consulta restrinxíndoa a textos ficticios aparecen nos resultados concordancias que teñen áreas temáticas?
É habitual que as obras de teatro e as coleccións de relatos curtos inclúan prólogos de presentación ou análise, polo que, malia que se atopan no interior da obra de teatro ou colección, son documentos á parte que teñen asociada como mínimo unha área temática.
Por que non podo ver a listaxe completa de autores e documentos nos filtros respectivos na pantalla de buscas?
Se non se introduce ningún valor no campo do selector do filtro correspondente, só se amosan os primeiros 1000 elementos de cada listaxe, mais iso non implica que o autor ou documento desexado non estea. Cubra con parte do nome no campo do selector para comprobalo.
Regularízanse os nomes dos autores?
Non, o metadato relativo á autoría dun documento mantén a grafía que consta en cada obra, sen regularizacións nin normalizacións de ningún tipo, de xeito que, se desexa consultar por un autor en particular, debe ter en conta que pode existir máis dunha variante. Por exemplo:
Villar-Janeiro, Elena
Villar Janeiro, Helena
Villar-Janeiro, Helena
Os valores dos filtros están vencellados entre si?
Os filtros que se vencellan son os seguintes:
- Orixe > Bloque > Xénero > Subtipo. Isto é, se seleccionamos Oral observamos que Bloque e Xénero ‘non aplica’ e só en subtipo imos poder seleccionar as distintas posibilidades: Conferencia, Entrevista, Informativo etc. Porén, se optásemos pola orixe Escrita e xénero Xornalístico, procurariamos tanto en xornais e revistas coma en blogs.
- Sección e Medio (valor Xornal).
- Área temática e Subárea.
- Autor e Documento.
Os demais filtros actúan de xeito autónomo.
En que formato debo descargar os resultados?
Para descargar os resultados dunha procura ou un arquivo da listaxe de frecuencias (este último un .zip con varios ficheiros dentro) dispón de dúas posibilidades:
- .csv
- .xlsx
Se vostede descarga o arquivo .xlsx, con só premer sobre el xa se abrirá, independentemente de que teña instalado Microsoft Excel ou LibreOffice.
Pola contra, o proceso complícase lixeiramente se descarga o arquivo .csv, xa que pode abrilo con:
- LibreOffice ou OpenOffice. Abrirase un menú para que escolla cal debe ser o carácter de separación (debe seleccionar tabulador) e mais o sistema de codificación (debe seleccionar UTF-8).
- Microsoft Excel. Cómpre gardar o arquivo de resultados en vez de abrilo directamente, logo executar o programa Microsoft Excel e seleccionar "Datos / Dende texto". Despois de elixir o arquivo descargado, no cadro ou cadros de diálogo que van aparecendo debe seleccionar a codificación de caracteres UTF-8 e indicar que o carácter de separación de campos é o tabulador.