CODOLGA: Corpus Documentale Latinum Gallaeciae

CODOLGA

O formulario de buscas de CODOLGA inclúe diferentes selectores e campos agrupados en 5 áreas: Busca, Resultado, Sensibilidade, Filtros e Palabras ortográficas, que actúan sobre a busca de diferentes maneiras. A continuación describimos estes elementos e algunhas das funcionalidades máis importantes da aplicación.

Área Busca

Dentro da área Busca temos un único campo, Tipo, que permite definir o tipo de busca que se quere facer, e inclúe dúas posibilidades: Palabras ortográficas e Palabras ortográficas próximas.

A busca de palabras ortográficas permite buscar unha palabra ou unha expresión multipalabra de ata 5 elementos, mentres que a busca de palabras ortográficas próximas permite buscar dúas palabras que están a unha distancia, especificada no selector correspondente.

Área Resultado

Na área Resultado temos 3 selectores: Tipo de resultado, Ordenación e Tamaño de páxina.

En Tipo de resultado pódese especificar se se quere un resultado numérico co número de ocorrencias da busca (Frecuencia simple), diferentes valores numéricos asociados aos principais campos de clasificación (Frecuencia completa), isto é, soporte, data, orixe e outorgante, ou se, pola contra, o que se desexa ver son os casos de uso (Coincidencias), é dicir, a tradicional vista de concordancias.

No caso de elixir este último tipo de resultado (Coincidencias), actívanse os outros dous selectores nesa área: Ordenación e Tamaño de páxina. O campo Ordenación permite elixir o campo ou campos que se desexan utilizar para a ordenación dos resultados, mentres que no Tamaño de páxina podemos definir cantos exemplos de coincidencias queremos ver en cada páxina. Tamén neste tipo de resultado se pode activar a marca Cabeceira, para poder ver os metadatos asociados aos exemplos (alternativamente, pasando co rato por enriba da data de cada exemplo, tamén aparecen estes metadatos).

Área Sensibilidade

Na área sensibilidade temos 4 selectores, que permiten definir se queremos que ao realizar a busca se teñan en conta ou non os elementos indicados no selector: Maiúsculas, i/j, &/et e u/v.

Así, por exemplo, se buscamos a palabra veritatem, e poñemos o selector u/v co valor Si, atoparemos as ocorrencias da palabra veritatem. En cambio, se poñemos o valor do selector u/v a Non, ademais das anteriores, tamén aparecerían os casos da forma ueritatem.

Área Filtros

Na área de filtros pódese limitar a busca aos documentos que verifiquen as condicións destes. Inclúense os selectores Outorgante, Soporte, Procedencia, Edición, Unidade arquivística, Sector e Buscar en, así como os correspondentes á definición do período temporal que se quere abranguer. Cabe sinalar tamén que o selector Buscar en permite delimitar as buscas aos documentos que son edicións principais, secundarias ou únicas, que o selector Sector permite buscar na parte expositiva principal do documento ou na súa parte final ou conclusiva e que, no caso de Procedencia, pódese especificar un nivel máis detallado que o de provincia no campo Procedencia específica. Así, por exemplo, se facemos unha busca poñendo no selector Procedencia o valor Lugo, amosaranse todos os resultados que teñen Lugo na súa procedencia, pero se ademais engadimos o valor Samos en Procedencia específica, obteriamos só os resultados relativos a documentos que teñen Samos na súa procedencia.

Área Palabras ortográficas

Finalmente, na área asignada ás palabras ortográficas podemos indicar a palabra, ou expresións de ata 5 palabras consecutivas, que se quere buscar. Este campo admite a utilización de catro comodíns e/ou operadores, que describimos a continuación:

Contexto

Pódese acceder a un contexto un pouco máis amplo da ocorrencia premendo no número do exemplo (á esquerda) no resultado das coincidencias e, unha vez alí, podemos volver á listaxe de coincidencias premendo no botón Atrás que se activa nestas ocasións.

Descargas

Cando estamos vendo as ocorrencias dunha busca, é posible descargar a páxina actual de resultados premendo no botón Descargar. O formato do ficheiro que se descarga ten a codificación de caracteres UTF-8 e está en formato CSV (empregando como separador o tabulador), o que o fai moi axeitado para a súa carga e manipulación en calquera folla de cálculo.

Clasificación dos documentos

A versión actual do CODOLGA clasifica as edicións dos documentos en principais, secundarias e únicas. Isto implica que en CODOLGA pode haber varias edicións dun mesmo documento. Nos casos en que iso ocorre, consideramos que existe unha edición denominada principal e outras secundarias, marcadas, polo tanto, deste xeito na base documental. Os documentos que non teñen máis que unha edición son considerados únicos.

Debe terse en conta que a identificación de documentos duplicados aínda está en proceso de realización, polo que é posible que nas buscas se atopen documentos incorrectamente clasificados nas categorías mencionadas.