CODOLGA: Corpus Documentale Latinum Gallaeciae

CODOLGA

ISSN: 1887-5602
Versión: 16 (2019)

O grupo de investigación do proxecto Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA) ofrece ao persoal investigador e público xeral interesado pola documentación latina medieval o seu número 16, correspondente ao ano 2019.

CODOLGA foi ofertado na rede por primeira vez no ano 2004, despois de 10 anos de intenso traballo, con 8.000 documentos editados e traballados para aproveitamento da comunidade científica, tanto do ámbito da lexicografía e da gramática como da historia e da socioloxía, a través da documentación latina medieval galega. Desde entón, CODOLGA nunca faltou á súa cita co mundo da investigación e non deixou de estar presente cunha periodicidade anual. Nesta ocasión, engadimos 1.536 novos documentos, que sumados aos 16.263 do número anterior fan un total de 17.799 documentos do ámbito da Gallaecia, postos a disposición das persoas interesadas na lingua, a cultura e a historia de Galicia.

CODOLGA pasou, a partir do ano 2006, a introducir, non só documentos latinos medievais da Gallaecia, senón tamén outros textos latinos medievais con referencias á Gallaecia. E, así, introducíronse neste número de CODOLGA cinco novas fontes: os Annales Compostellani, o breve Chronicon do Libro de horas de Fernando I e dona Sancha, a importante Ex Osborni libello de expugnatione Lyxbonensi crucesignati Anglici epistola de expugnatione Olisiponis, a Historia de regibus Gothorum, Wandalorum et Suevorum, e a pouco coñecida Vita Karoli Magni. Tamén, no noso apartado de estudos, temos a honra de incluír o traballo de José Antonio Souto Cabo, “Liber registri Didaci secundi. Sobre a tradição manuscrita da História Compostelana”, Madrygal. Revista de Estudios Gallegos, nº 21 (2018), pp. 239-271.

A maior satisfacción de todo o equipo de CODOLGA é, sempre, a de contribuír a un mellor coñecemento da lingua e da cultura de Galicia e a de proporcionar ás persoas interesadas no tema o apoio documental que precisan. Así mesmo, é de xustiza recoñecer ao Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades financiado pola Xunta de Galicia, o esforzo económico e de medios proporcionados para a continuidade deste equipo de traballo ao longo de tantos anos.

Dúas boas novas marcaron o número anterior de CODOLGA: a primeira foi a actualización ab integro da aplicación informática e da faciana da nosa web; a segunda, moito máis senlleira e de máis fondura, foi a da constitución, traballo técnico e posta en funcionamento da rede de excelencia CODOLHISP (Corpus Documentale Latinum Hispaniarum), da que CODOLGA é socio fundador. Como froito da estreita colaboración entre os membros da citada rede, pódense facer buscas conxuntas en todas as bases de datos relacionadas cos corpora documentalia Latina dos antigos reinos da Hispania medieval, na súa sede informática: http://codolhisp.imf.csic.es/codolhisp/.

Pero anunciaba eu que habería aínda máis cousas boas, e hainas: este número conmemora os XXV anos de CODOLGA na internet, e queremos celebralos dedicándollo ao noso fundador e primeiro Director, o Profesor Doutor José Eduardo López Pereira, e dándolle á nosa web novas funcións e novos recursos e melloras: Letras indicativas do tipo de rexistro: p= edición principal, s= edición secundaria, u= edición única (iniciouse en fase experimental o proceso de identificación de duplicados). Selector múltiple, no que hai catro opcións de buscas e que ofrece varias posibilidades de combinación: todos os documentos, edicións principais, edicións secundarias e edicións únicas. Introdución do apartado de buscas de “Edicións”: isto levou a que na páxina de “Edicións” ao final da cita das obras se puxese a referencia coa que a obra aparece referenciada no apartado de busca. Introdución no apartado de buscas de “Número Rexistro” etc.

Paga a pena o esforzo feito.

José M. Díaz de Bustamante

Director do CODOLGA