O grupo de investigación do proxecto Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA) mantén o seu compromiso de presentar con periodicidade anual os resultados do seu traballo e ofrece ao persoal investigador e ao público xeral interesado pola documentación latina medieval o número 18 da súa base de datos textual, correspondente ao ano 2021. Nesta versión son incorporados 229 novos documentos e están xa dispoñibles 18.873 textos documentais relacionados coa Gallaecia dos séculos VI ata o XV, ambos inclusive, o que supón un material extraordinario e imprescindible para calquera estudo sobre a Galicia medieval no ámbito da lingüística, da literatura, da cultura, da socioloxía ou da historia en xeral.
Nesta nova versión continuouse con axustes e melloras na información facilitada e na aplicación informática, para ofrecer unha ferramenta de buscas cada vez máis áxil e máis completa. Prestouse especial atención a introducir referencias abreviadas das edicións utilizadas que permitan ver de forma máis evidente cal é a documentación editada, a ofrecer ao lado do número que cada documento leva na respectiva edición tamén o número do volume no que figura ese documento no caso de existencia de varios volumes, e, sobre todo, a deixar claramente identificados documentos presentes en máis dunha edición, aplicando para eses casos a distinción operativa entre edicións principais e secundarias, sen pretender xulgar a calidade de cada edición, senón atendendo a criterios o máis obxectivos posible, como o tipo de edición, a cantidade de documentos editados, ou o ano de publicación. No formulario de buscas pódese xogar con esta distinción utilizando o filtro “buscar en”.
O apartado de “fontes e estudos” dedicado a recompilar outros textos latinos medievais importantes pola súa relación coa Gallaecia medieval ou algúns estudos singulares do ámbito do proxecto, queda este ano enriquecido con dous breves, pero interesantes relatos históricos de Diego de Muros II (ca. 1450-1525) sobre as campañas militares dos exércitos dos Reis Católicos en Málaga no ano 1487 e en Granada no ano 1488.
Por outra parte, cabe mencionar que, con case dous anos de retraso por culpa da pandemia derivada do COVID, os días 18 e 19 de novembro pasado puido celebrarse no Centro Ramón Piñeiro o coloquio internacional titulado “Os corpora documentalia Latina da Península Ibérica no 25 aniversario de CODOLGA”, no cal os membros dos distintos equipos de España e Portugal que están traballando sobre documentación latina medieval tiveron oportunidade de debater sobre avances realizados e sobre obxectivos e perspectivas de futuro dentro do proxecto colaborativo común que xa deu lugar á rede Corpus Documentale Latinum Hispaniarum (CODOLHISP) e ao correspondente recurso informático que permite buscas conxuntas nos respectivos corpora documentalia. O coloquio serviu ademais para celebrar o 25 aniversario do proxecto CODOLGA e para homenaxear ao profesor José Eduardo López Pereira, un dos iniciadores dese proxecto no ano 1994 e o seu director durante 23 anos.
É necesario, por último, continuar agradecendo ao Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, financiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, que veña acollendo este proxecto no seu seo durante tantos anos e apoiándoo con recursos.
Xosé Carracedo Fraga
Director do CODOLGA