FONTEGAM

Fontes Textuais da Galicia Medieval (FONTEGAM)

A apertura de Fontes Textuais da Galicia Medieval (FONTEGAM) é un meditado paso adiante na procura da unificación de córpora das linguas usadas na escrita da Galicia medieval e na necesaria confluencia dos proxectos desenvolvidos nas institucións públicas galegas.

En FONTEGAM converxen textos latinos e romances e as súas bases nútrense dos textos de dous recursos públicos de dilatada traxectoria, iniciada en ambos os casos na última década do século XX. Os textos latinos son achega do Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA), proxecto desenvolvido no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), e os textos romances son o contributo do Corpus Galego-Portugués Antigo (CGPA), desenvolvido no Instituto da Lingua Galega (ILG), centro de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

A colaboración entre os equipos de investigación destes dous proxectos vén de atrás e ata agora materializárase no estrito ámbito da composición do equipo de traballo de cada un deles. No equipo do CODOLGA estiveron e están integrados investigadores das áreas da Romanística e no equipo do CGPA acontece o mesmo con investigadores das áreas da Latinística. Nun e noutro caso os equipos contan, desde logo, con especialistas do outro dominio científico esencial das Humanidades neste proxecto, o da Historia Medieval e o das Ciencias e Técnicas Historiográficas. Desde agora a colaboración alcanza un novo grao de visibilización ao contar co soporte de FONTEGAM como recurso específico que inicialmente se limita a reunir, en permanente actualización, os materiais que van sendo procesados nun e no outro, mais que no futuro xerará unha dinámica conxunta propia da que irradiarán as pautas que conformen no futuro o modus operandi de cada parte por separado.

A base de datos de CODOLGA preséntase aquí integramente. Ten hoxe dispoñibles no seu recurso propio 19.680 textos documentais relacionados coa Gallaecia do século VI ao XV, para consulta libre e aproveitamento por parte de todo o público interesado na Galicia da Idade Media nos ámbitos da lingüística, da literatura, da cultura, da socioloxía ou da historia en xeral.

Por súa vez, CGPA presenta nesta primeira versión do recurso a base de datos dos textos non documentais na súa integridade e, como primeira mostra da produción documental, a monumental edición de Santa María de Montederramo. Na base de datos das obras non documentais están incluídas o verso e a prosa. Figuran as obras en verso dos períodos trobadoresco (Lírica Profana e Cantigas de Santa María como obras máis representativas) e postrobadoresco (Cancioneiro Galego-Castelán e Cancioneiro de Afonso Pérez). As fontes en prosa están conformadas pola prosa ficcional (parapoética: rúbricas da Lírica Profana, das Cantigas de Santa María e do Cancioneiro de Afonso Pérez; novelesca: Historia Troiana e Crónica Troiana [ciclo clásico], Livro de Tristám [ciclo artúrico]), a prosa historiográfica (General Estoria, Crónica Geral Galega, Crónica de Castela, Crónica de 1404 e Crónica de Iria), a prosa relixiosa (Miragres de Santiago [haxiográfica], Livro das Confissões [doutrinal] e Rezos Arromanzados [devocional]), a prosa técnica e didáctica (Arte de Trovar, Tratado de Alveitaria e Receuta da Meliza) e a prosa xurídica lexislativa (Foro Juzgo, Flores de Dereito, Foro Real, Ordenamento de Alcalá e As Sete Partidas [15 fragmentos das Partidas 1, 3, 4, 5, 6 e 7]).

Os equipos que converxen neste proxecto, representativos do estudo das linguas latina e romances e do contexto histórico da Galicia medieval, queremos contribuír con este recurso á substitución da tradicional visión en paralelo da relación entre o latín e os romances por outra na que, nunha nova concepción unitaria, os textos en latín e en romance se integren nun único marco diacrónico, no que durante un longo período foi o latín primeiramente a variedade exclusiva, despois dominante, máis tarde rapidamente secundarizada e, finalmente, desprazada polas variedades romances.

Esta postura supón, na praxe da investigación, axeitar o deseño dos recursos ás necesidades dos investigadores, aos que lles é máis favorable no seu traballo a concentración dos materiais textuais nun único recurso en substitución do que previamente eran dous ou máis e, xa que logo, simplificar considerablemente as procuras.

Xaneiro de 2024

Xosé Carracedo Fraga

Director do CODOLGA

Xavier Varela Barreiro

Director do CGPA